Seis graos de separación

quinta-feira, março 30, 2006

6º DE SEPARACIÓN


Proposta de xogo para todas as persoas que vos achegades a este blog:
O xogo consiste en levar a cabo de forma lúdica e case en familia o proxecto do Mundo Pequeno de Duncan J. Watts, segundo o cal podemos enviar unha mensaxe a calquera persoa no mundo a través dos amigos dos amigos dos amigos... dos amigos dos nosos amigos.
Para isto:
-cada participante ten de escoller unha persoa que gostaría de coñecer, non necesariamente famosa ou célebre, mais da que en principio non trataría de aproximarse nin o podería facer directamente.
-A cadea de nodos sería feita a través do e-mail cunha carta modelo que transcribirei máis abaixo.
-De seren falantes doutras linguas, isto debería ser tido en conta e solventado por parte da persoa que as escolle.
-A fase de "inscrición" rematará cando todos os participantes esteamos de acordo na maneira de facelo.
-Enviamos o noso e-mail a unha soa persoa que coñezamos directamente e que consideremos máis próxima ao destinatario final que nós mesmos.
-Pedimos a cada destinatario que se converte en emisor que conserve no modelo todos os enderezos de e-mail anteriores, coa finalidade de que saibamos ao final por cantas persoas pasou a mensaxe.
-Todos enviaremos o noso e-mail o mesmo día.
-Cada participante ha de deixar neste post un comentario co nome do seu destinatario.
-Cada participante ha de me enviar un e-mail a leonorcombing@yahoo.es cando reciba resposta do seu destinatario con copia do correo recibido.
-Por favor, comentádeme todas as dúbidas que teñades ao respecto do procedemento.
-Admítense propostas e suxestións.
Modelo de e-mail:

Querida/-o XXX,
Son unha das X persoas que están a participar no proxecto 6º de separación Galiza 2006, que consiste en tratar de comprobar se todos os usuarios da Gran Rede estamos comunicados ou podemos chegar a estalo en caso de o precisarmos, e en tratar de determinar a distancia que nos une ou nos separa.
Este proxecto, levado a cabo en maiores proporcións por Duncan J. Watts, parte da teoría de Milgram que, en cinco palabras, di que o mundo é un pano. Aínda que eu non te coñeza directamente, ha ser certo que coñezo alguén que coñece alguén... que te coñece.
Tras diversos experimentos cunha técnica chamada Método do Mundo Pequeno, Milgram chegou á conclusión de que o número de alguéns da cadea era seis. Isto que significa que, por afastado ou descoñecido que sexa o receptor final dunha mensaxe para o emisor, en xeral bastarían seis alguéns para que a mensaxe chegase ao destinatario sen necesidade de selo ou enderezo.
O día xxx escollín unha persoa que desexase coñecer e coa que non tivera ningún contacto con anterioridade a esa data. Se esta mensaxe chegase ás túas mans, agradeceríache que mo fixeses saber a través deste enderezo de correo electrónico: xxxxx@xxx.xxx
Se así fose o teu desexo, comprométome desde agora a non responder o teu correo e a destruír o enderezo de correo electrónico desde onde me tiveses enviado a confirmación de recepción desta mensaxe.
Por se tes curiosidade en saber quen son, direiche que me chamo xxx. Son xxx (info persoal) e gustaríame que soubeses que te escollín porque xxx
Enviei este e-mail ao /á meu/miña amigo/a xxx porque xxx
En canto reciba a túa resposta poderás vela en: www.seisgraosdeseparacion.blogspot.com
Que teñas unha longa vida chea de saúde e amor
Sinatura


 
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters