Seis graos de separación

segunda-feira, maio 08, 2006

E por fin... enviamos as nosas cartas!

quinta-feira, maio 04, 2006


Como ben me lembra Besbellinha hoxe era o día de enviar os e-mails mais foime imposíbel nos últimos días dedicar un só minuto ao mundo pequeno.
Se vos parece ben, podemos facer o lanzamento o próximo luns sen falta (polo menos eu preciso os días para retocar o texto). Ademais, se algunha outra persoa quere apuntarse ou engadir algún destinatario, aínda pode facelo até luns.
Se tamén vos parece ben, unha vez enviado o correo luns, podemos deixar aquí un comentario de que está feito. Algunha cuestión máis que se me escape? Os dados están botados! A ver se temos moitas respostas :)

domingo, abril 23, 2006

Tiña pensado actualizar o asunto antes pero as últimas semanas foron movidas de máis para poder facer nada alén do estritamente preciso. Aí vamos! Se vos parece ben, podemos pechar o prazo de inscrición o próximo venres 28, deixar a finde para ultimar as nosas cartas e envialas o 1 de maio. E despois agardarmos a ver que pasa.
Eu estou por abandonar o meu admirado Paul Auster pois acabo de ler que acaba de mercar o seu primeiro computador, unicamente por non ser denunciado por incumprimento de contrato polo seu editor (xa se comprometera a facelo para os seus traballos anteriores) e só o utiliza para o último borrador das súas novelas... así que me cinguirei ao meu tamén moi admirado Santiago Auserón, do que, polo menos, nada sei en canto a experteza informática.
De novo vos lembro que, se tedes propostas de mellora para a carta tipo, sería xenial que as poidésemos aproveitar todos os participantes! E, se alguén quere variar ou aumentar destinatarios, que non se prive.
Saúde!

quinta-feira, abril 13, 2006

POST MUTANTE
Recapitulando... até agora a cousa está deste xeito:
Leco: Paul Auster e Santiago Auserón.
Pawley: Víctor Erice e Walter Salles.
Miriño: Adriana Calcanhoto
Besbellinha: Eduard Punset
Dorfun: Ian Stewart e Jean-Pierre Jeunet
Calidonia:Marisa Monte
Alfredo Ferreiro: Paulo Coelho
Ascárida: Deneno, un antigo blogueiro que desapareceu sen deixar rastro.

E xa somos sete!

Podiamos agardar un par de semaniñas máis, non?

quinta-feira, março 30, 2006

6º DE SEPARACIÓN


Proposta de xogo para todas as persoas que vos achegades a este blog:
O xogo consiste en levar a cabo de forma lúdica e case en familia o proxecto do Mundo Pequeno de Duncan J. Watts, segundo o cal podemos enviar unha mensaxe a calquera persoa no mundo a través dos amigos dos amigos dos amigos... dos amigos dos nosos amigos.
Para isto:
-cada participante ten de escoller unha persoa que gostaría de coñecer, non necesariamente famosa ou célebre, mais da que en principio non trataría de aproximarse nin o podería facer directamente.
-A cadea de nodos sería feita a través do e-mail cunha carta modelo que transcribirei máis abaixo.
-De seren falantes doutras linguas, isto debería ser tido en conta e solventado por parte da persoa que as escolle.
-A fase de "inscrición" rematará cando todos os participantes esteamos de acordo na maneira de facelo.
-Enviamos o noso e-mail a unha soa persoa que coñezamos directamente e que consideremos máis próxima ao destinatario final que nós mesmos.
-Pedimos a cada destinatario que se converte en emisor que conserve no modelo todos os enderezos de e-mail anteriores, coa finalidade de que saibamos ao final por cantas persoas pasou a mensaxe.
-Todos enviaremos o noso e-mail o mesmo día.
-Cada participante ha de deixar neste post un comentario co nome do seu destinatario.
-Cada participante ha de me enviar un e-mail a leonorcombing@yahoo.es cando reciba resposta do seu destinatario con copia do correo recibido.
-Por favor, comentádeme todas as dúbidas que teñades ao respecto do procedemento.
-Admítense propostas e suxestións.
Modelo de e-mail:

Querida/-o XXX,
Son unha das X persoas que están a participar no proxecto 6º de separación Galiza 2006, que consiste en tratar de comprobar se todos os usuarios da Gran Rede estamos comunicados ou podemos chegar a estalo en caso de o precisarmos, e en tratar de determinar a distancia que nos une ou nos separa.
Este proxecto, levado a cabo en maiores proporcións por Duncan J. Watts, parte da teoría de Milgram que, en cinco palabras, di que o mundo é un pano. Aínda que eu non te coñeza directamente, ha ser certo que coñezo alguén que coñece alguén... que te coñece.
Tras diversos experimentos cunha técnica chamada Método do Mundo Pequeno, Milgram chegou á conclusión de que o número de alguéns da cadea era seis. Isto que significa que, por afastado ou descoñecido que sexa o receptor final dunha mensaxe para o emisor, en xeral bastarían seis alguéns para que a mensaxe chegase ao destinatario sen necesidade de selo ou enderezo.
O día xxx escollín unha persoa que desexase coñecer e coa que non tivera ningún contacto con anterioridade a esa data. Se esta mensaxe chegase ás túas mans, agradeceríache que mo fixeses saber a través deste enderezo de correo electrónico: xxxxx@xxx.xxx
Se así fose o teu desexo, comprométome desde agora a non responder o teu correo e a destruír o enderezo de correo electrónico desde onde me tiveses enviado a confirmación de recepción desta mensaxe.
Por se tes curiosidade en saber quen son, direiche que me chamo xxx. Son xxx (info persoal) e gustaríame que soubeses que te escollín porque xxx
Enviei este e-mail ao /á meu/miña amigo/a xxx porque xxx
En canto reciba a túa resposta poderás vela en: www.seisgraosdeseparacion.blogspot.com
Que teñas unha longa vida chea de saúde e amor
Sinatura


 
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters